Vila Laura non pode funcionar a mínimos
Queremos informarvos dunha situación importante que nos trasladou hoxe a dirección do centro respecto da dotación de persoal coa que Vila Laura iniciou o curso.
Neste momento coinciden varias carencias:
- Unha das profesoras de apoio de Infantil xubilouse e, segundo nos traslada a dirección, desde Inspección consideran improbable que se cubra a súa praza.
- A persoa auxiliar coidadora que tiña praza no centro e atendía ao alumnado que precisa este recurso xubilouse e, polo momento, non hai substitución incorporada.
- A orientadora está de baixa e tampouco está cuberta neste momento.
- Vila Laura conta con 10 aulas e actualmente só ten 2 apoios.
Esta situación deixa ao centro cunha marxe horaria moi limitada para cubrir aulas, gardas, substitucións e as necesidades ordinarias do día a día.
Hai que ter en conta, ademais, que tres docentes forman parte do equipo directivo e deben compatibilizar a súa actividade docente coas funcións propias destes cargos.
O centro tampouco dispón de persoal administrativo, polo que parte da carga organizativa e administrativa recae tamén sobre o propio equipo directivo.
O problema non se resolve movendo os apoios dun sitio a outro
Segundo nos traslada a dirección, desde Inspección apúntase como posible solución que o profesorado de PT e AL quede ao cargo de grupos completos para liberar ás titoras e cubrir gardas ou outras necesidades.
Desde o centro non se está propoñendo esta medida como solución propia.
Esta fórmula suporía trasladar a falta de persoal dun recurso a outro e podería reducir a atención específica ao alumnado NEAE.
A ANPA xa presentou reclamación formal
A ANPA Magnolia Vila Laura presentou hoxe unha reclamación ante Educación solicitando unha intervención urxente, a cobertura dos recursos pendentes e que se determine con claridade a dotación de persoal que corresponde ao centro.
Agora queremos pedir tamén a colaboración das familias.
Nas próximas comunicacións facilitarémosvos un modelo e as instrucións para que quen queira poida presentar tamén unha reclamación individual de maneira sinxela.
Cada reclamación rexistrada conta.
