14 OUTUBRO 2026 · RECURSOS EDUCATIVOS

Demos un paso
adiante.

A nosa reclamación chegou directamente aos responsables territoriais de Educación. Aínda non temos a solución, pero estamos conseguindo que Vila Laura sexa escoitada.

UN AVANCE IMPORTANTE

A nosa voz chegou onde tiña que chegar.

O 13 de outubro, representantes da ANPA Magnolia mantivemos unha reunión coa delegada territorial da Xunta en Vigo, co director territorial de Educación en Pontevedra e con Inspección Educativa.

Despois de semanas de reclamacións, escritos, contactos institucionais e mobilizacións, conseguimos trasladarlles directamente a situación que vive a EEI Vila Laura.

Non foi unha reunión máis. Foi un paso importante para que a nosa reivindicación chegase ás persoas con responsabilidade sobre os recursos educativos do centro.

A Administración coñece a situación, recibiu as nosas reclamacións e sabe que as familias seguiremos esixindo unha solución.

O RESULTADO

Aínda non temos a resposta que necesitamos.

Na reunión, os representantes de Educación mantiveron que o centro dispón de recursos suficientes e defenderon que as dificultades poden abordarse mediante unha reorganización dos horarios.

Non asumiron o compromiso de incorporar a docente de apoio de Infantil que falta.

O compromiso concreto foi que Inspección revisará coa dirección do centro os horarios, as gardas e a organización, para trasladarnos posteriormente as súas conclusións.

Desde a ANPA respectamos a necesidade de analizar a organización do centro, pero consideramos que ese debate non pode substituír a cuestión fundamental: a dotación de persoal que corresponde a Vila Laura.

13 son 13.

O catálogo establece 13 efectivos de Educación Infantil. Actualmente hai 12. Seguimos reclamando que se complete esa dotación.

UNHA CUESTIÓN DE PRINCIPIO

Non imos escoller entre uns recursos e outros.

Durante a reunión mesturouse o debate sobre a dotación ordinaria de Infantil cos recursos especializados destinados á atención á diversidade.

Pero non estamos falando do mesmo. O profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) e os servizos de Orientación responden a necesidades educativas específicas.

A súa existencia non debe utilizarse para xustificar a falta de persoal ordinario de Infantil. E completar a dotación de Infantil tampouco pode facerse a costa de reducir a atención especializada.

Non imos escoller que necesidade das nosas crianzas queda sen atender.

As necesidades non compiten entre si. É responsabilidade da Administración garantir os recursos que corresponden ao centro e os apoios que precisa o seu alumnado.

SEGUINTES PASOS

Seguimos avanzando por todas as vías.

A reunión non pecha a nosa reclamación. Seguiremos traballando, coa mesma firmeza e coa vontade de conseguir unha solución.

01

Reclamación institucional

Continuaremos as xestións para elevar a situación á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e á Consellería.

02

Apoio e asesoramento

Seguiremos contando con FOANPAS, organizacións sindicais e outras entidades que nos acompañan.

03

Visibilidade e mobilización

Manteremos a reivindicación activa, informando ás familias e continuando as mobilizacións dos venres.

ESTE VENRES, COMA TODOS OS VENRES

35 días.
E os que fagan falta.

As mobilizacións están conseguindo que Vila Laura sexa escoitada. E seguiremos sumando días mentres non chegue a solución.

Con serenidade. Con firmeza. Xuntas.

Non pedimos privilexios.
Reclamamos os recursos que corresponden ás nosas crianzas.

13 son 13. E os recursos de atención á diversidade non son moeda de cambio.

Seguiremos sumando escritos, reunións, apoios, días e familias.

Familias que suman · Xuntas en Vila Laura

Xunta Directiva · ANPA Magnolia Vila Laura

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio