📢 CHAMADA Á ACCIÓN: RECLAMACIÓN POLA FALTA DE PROFESORADO NA EEI VILA LAURA

Estimadas familias,
Como sabedes, tras a xubilación da mestra Rosa, a Xunta non cubriu a súa praza nin na Resolución provisional publicada no DOG nº 117 do 20 de xuño de 2025, nin tampouco na Resolución definitiva da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 1 de agosto de 2025.
Isto implica que unha aula da nosa escola queda sen mestra titor/a, e ademais o persoal de apoio non poderá realizar correctamente as súas funcións.
Xa enviamos un comunicado á prensa e trasladamos a situación ás institucións, pero agora é moi importante que cada familia presente unha reclamación individual para facer máis forza.

Como presentar a reclamación

O procedemento é PR004A – Solicitude electrónica xenérica, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  1. Entrar en https://sede.xunta.gal.
  2. Buscar o procedemento PR004A – Solicitude xenérica.
  3. Iniciar sesión con Chave365 ou certificado dixital.
  4. Cubrir os datos persoais.
  5. No apartado A quen se dirixe, seleccionar: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional – Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
  6. Copiar ou adaptar o esquema de reclamación que vos deixamos embaixo.
  7. Presentar a solicitude e gardar o xustificante.

Esquema para redactar a reclamación

Asunto:
Reclamación pola falta de cobertura de praza docente na EEI Vila Laura.
Exposición de feitos:
(Cada familia pode ou mesturar algunha destas frases)

  • A praza de mestra quedou vacante tras a xubilación da docente Rosa e non foi cuberta nin nas resolucións de xuño nin nas de agosto.
  • Isto provoca que unha das aulas quede sen titor/a, xerando unha situación de grave desorganización no centro.
  • Os mestres de apoio deberán asumir funcións que non lles corresponden, polo que se verán limitados para atender as necesidades especiais do alumnado.
  • Esta falta de cobertura repercute directamente na calidade da educación que reciben os nenos e nenas.

Petición:
(Aquí tamén poden poñer unha ou dúas frases entre estas opcións)

  • Solicito que se cubra de inmediato a praza docente vacante na EEI Vila Laura.
  • Pido que se garanta o dereito do alumnado a unha educación pública de calidade, dotando ao centro dos recursos humanos necesarios.
  • Requirimos que a Consellería actúe con urxencia para resolver esta situación antes do inicio do curso.

(Estas frases son só exemplos; cada familia pode adaptalas á súa realidade)

  • O meu fillo/a quedará nunha clase sen mestra de referencia, o que lle pode dificultar a adaptación ao novo curso.
  • Preocúpame que a falta de profesorado provoque desatención ao alumnado e un exceso de carga para o resto do profesorado.
  • Esta situación xera ansiedade e incerteza na miña familia, xa que non sabemos como se organizará a aula do noso fillo/a.
  • Considero que esta carencia de recursos afecta gravemente ao desenvolvemento educativo e emocional dos nenos e nenas.
🔑 Moi importante:

Animámosvos a engadir, coas vosas propias palabras, como afecta esta situación aos vosos fillos e fillas. A experiencia persoal e a sinceridade son o que máis peso ten nestas reclamacións.

Cantas máis reclamacións se presenten, máis difícil será que ignoren a nosa petición.

2 comentarios sobre “RECLAMACIÓNS NA XUNTA”

  1. Pingback: A ANPA FLEMING SOLIDARIZASE COA RECLAMACIÓN DA ANPA MAGNOLIA DO VILALAURA – ANPA FLEMING

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio