Dúbidas habituais
Respostas claras, sen letra pequena e con espírito de comunidade (do bo). Se algo non está aquí… probablemente tamén nos pasou a nós.
Sobre a ANPA
O básico para situarse rápido (e seguir coa vida).
Que é a ANPA Magnolia e para que serve?
A ANPA Magnolia é a asociación de familias do cole. Organizamos servizos de conciliación, como o servizo matinal e as actividades extraescolares, apoiamos e impulsamos festas, representamos ás familias e tentamos facer a vida escolar un pouco máis doada (e tamén máis divertida) para toda a comunidade educativa.
Quen forma a ANPA?
A ANPA fórmana todas as familias socias do centro. É un proxecto colectivo, de familias para familias.
A xestión diaria lévaa unha xunta directiva, formada por nais e pais voluntarios que dedican parte do seu tempo a organizar, coordinar e facer posible todo isto.
A ANPA é obrigatoria?
Non. Asociarse é totalmente voluntario.
Agora ben, canto máis somos, máis servizos podemos manter, máis actividades podemos organizar e máis comunidade facemos entre todas.
Facerse socio/a
A cota, as vantaxes e como apuntarse sen dramas.
Canto custa a cota da ANPA?
A cota da ANPA Magnolia é de 25 € ao ano por familia. O que vén sendo menos que unha comida fóra… e dura todo o curso 😉
Como me fago socio/a?
É moi sinxelo e faise en poucos minutos:
- Entras na páxina de Faite socio.
- Cubres o formulario de adhesión.
- Realizas o pago da cota anual e adxúntalo á túa solicitude.
En canto rexistremos a alta, recibirás un correo de confirmación, unha mensaxe de benvida e o carné de socio/a.
Podo facerme socio/a a metade de curso?
Si. Podes facerte socio/a en calquera momento do curso. Iso si, se o tes claro, canto antes mellor: axúdanos a planificar servizos, organizar actividades e facer o curso máis estable para todas.
Hai que renovar a condición de socio/a cada curso?
Si. A adhesión é por curso escolar, polo que é necesario renovala cada ano.
Que vantaxes ten ser socio/a?
Ademais de facer posible servizos e actividades, co teu carné terás condicións especiais en preto de 40 empresas colaboradoras.
Servizo Matinal
Conciliación de mañá: simple, claro e sen sorpresas.
En que consiste o Servizo Matinal?
É un servizo pensado para facilitar a conciliación das familias, dispoñible de 8:00 a 9:00 nos días lectivos, antes do inicio das clases.
Un espazo tranquilo para empezar o día con tempo, sen carreiras nin estrés mañaneiro.
Canto custa e como funciona o pago?
- Uso mensual: 30 € ao mes (por mes natural completo).
- Días soltos: 4 € por día (para necesidades puntuais).
Para usar o servizo é imprescindible ser socio/a e cubrir o formulario correspondente.
Actividades extraescolares
Horario, organización e o que evita “ai, non o sabía”.
Que son as actividades extraescolares da ANPA?
Son unha oferta pensada para complementar a xornada escolar, facilitar a conciliación das familias e crear espazos de aprendizaxe e lecer para o alumnado.
En que horario se realizan as actividades?
Todas as actividades extraescolares realízanse de 16:00 a 17:00.
Que papel ten a monitora de acompañamento da ANPA?
A ANPA Magnolia conta durante todo o curso cunha monitora de acompañamento, unha figura fundamental para o bo funcionamento das extraescolares, especialmente tratándose de nenas e nenos de 3 a 6 anos.
- acompaña ao alumnado ao rematar o comedor
- coordina as transicións entre espazos e actividades
- apoia ás monitoras das distintas extraescolares
- axuda no aseo e na organización do grupo
- garante unha atención continua ata a entrega ás familias
Este servizo está 100 % financiado coas cotas das familias socias e é clave para que as actividades se desenvolvan con seguridade e tranquilidade.
Que pasa se o meu fillo/a vai a comedor e despois a extraescolares?
Non tes que facer nada especial. A monitora da ANPA acompaña ao alumnado directamente desde o comedor ata cada actividade.
Teño que ser socio/a para apuntar ao meu fillo/a?
Si. Para participar nas actividades extraescolares é imprescindible ser socio/a. A cota é o que nos permite organizar, xestionar e manter as actividades ao longo de todo o curso.
Onde podo consultar a información das extraescolares?
Como e cando se fan as inscricións?
As actividades comezan no mes de outubro e xestiónanse mes a mes, con prazos fixos:
- Do 16 ao 20 do mes anterior: prazo para solicitar baixas.
- Do 21 ao 26 do mes anterior: prazo para novas altas (cambios e novas inscricións en prazas dispoñibles).
As inscricións atenderanse por orde de chegada, ata completar prazas. Se queres cambiar de actividade, lembra: primeiro hai que tramitar a baixa da actual.
Como funcionan os pagos das actividades?
As actividades páganse e desfrútanse por mes natural completo:
- Alta a metade de mes → págase o mes enteiro.
- Baixa a metade de mes → págase o mes enteiro.
Que pasa se non tramito a baixa dentro do prazo?
Se a baixa non se solicita dentro do prazo establecido, a empresa pasará o recibo igualmente, xa que a praza segue reservada.
As altas e baixas tramítanse sempre polos canles oficiais, mediante os formularios web, que só admiten respostas nos prazos correspondentes.
Hai prazas en todas as actividades?
Non sempre. Só aparecerán como dispoñibles aquelas actividades que teñan vacantes nese momento.
Onde se recolle ao alumnado ao rematar as actividades?
A recollida do alumnado faise sempre polo acceso da Escola de Música, que é o punto de saída establecido para as actividades extraescolares.
A saída pola Porta Moreira non está dispoñible para as extraescolares. Grazas por axudarnos a manter unha organización clara e segura para todas.
Como funciona a actividade de piscina (cursiños de natación)?
A ANPA xestiona as inscricións nos cursiños de natación da Piscina do Carmen (As Travesas), dependentes do IMD.
A inscrición é cuatrimestral (outubro–xaneiro e febreiro–maio) e os prazos adoitan abrirse a mediados de setembro e a mediados de xaneiro.
👉 Cando chega o momento, avisamos sempre pola web da ANPA e a través da newsletter, para que ninguén quede despistado.
As prazas e horarios son limitados e dependen das concedidas polo IMD.
Para participar é imprescindible ser socio/a. O alumnado inscrito no primeiro cuadrimestre debe renovar a inscrición se quere continuar no segundo.
Comunicación e contacto
Canles oficiais para que todo chegue… e non se perda polo camiño.
Onde se publica a información importante?
Na web da ANPA Magnolia. Se é importante, acaba aí seguro. Ademais, avisamos tamén pola newsletter, así que se non queres perder nada, este é o mellor aliado 😉
Como podo contactar coa ANPA?
Podes escribirnos ou chamarnos polos canles oficiais:
- Web da ANPA
- Correo electrónico
- Teléfono da ANPA: 616 008 784, de 9:00 a 14:00 nos días lectivos
Son os canles que usamos para organizarnos ben e poder responder a todo con cabeza (e non a correr).
E se non colledes o teléfono ou tardades en responder?
Pode pasar 😊 Somos familias voluntarias e ás veces non chegamos a todo no momento. Se nos escribes, contestamos en canto podemos, palabra.
Podo escribir por WhatsApp a alguén da directiva?
Mellor que non 🙂 Para temas da ANPA, usamos (sempre) os canles oficiais (web e correo). Deste xeito evitamos mensaxes soltas, despistes… e móbiles a todas horas.
Festas e comunidade
A parte bonita: xuntarnos, compartir e facer cole.
Quen organiza as festas do cole?
Moitas das festas do cole están organizadas e financiadas pola ANPA Magnolia, sempre en colaboración co centro educativo.
Son momentos para xuntarnos, compartir e facer comunidade, máis alá do día a día.
Hai que ser socio/a para asistir ás festas?
Non. As festas están abertas a toda a comunidade educativa: todas as familias son benvidas.
Iso si, facerse socio/a é o que permite que estas festas (e moitas outras cousas) sexan posibles. Canto máis somos, máis podemos facer.
Quen participa na organización das festas?
A organización corre a cargo da ANPA, coa colaboración do centro e, moitas veces, co apoio de familias voluntarias. Hai tarefas visibles… e moitas outras que non se ven, pero que fan que todo funcione.
As festas son traballo voluntario?
Si. Todo o que se fai desde a ANPA baséase no traballo voluntario das familias. Facémolo con ilusión e ganas, pero sempre dentro do que é posible. Grazas por entendelo e coidalo entre todas.
Podo colaborar aínda que non estea na directiva?
Claro que si. A ANPA é un proxecto colectivo e toda axuda suma: un rato, unha man, unha idea ou ese clásico “en que boto unha man?”.
Se che apetece colaborar, participar como voluntario/a ou propoñer algo, escríbenos ao correo da ANPA. Sempre estamos encantadas de contar con máis xente.
Por que animámonos a participar?
Porque as festas non son só eventos: son momentos que crean recordos, vínculo e sentimento de cole. E porque cando sumamos mans, tamén sumamos risas.
Quédache algunha dúbida?
Se algo non está aquí, escríbenos polos canles oficiais e iremos completando este FAQ
pouco a pouco, entre todas.