Natación IMD
Os cursiños de natación do Programa Municipal de Natación Escolar realízanse na Piscina Municipal das Travesas e xestiónanse, para o alumnado de Vila Laura, a través da ANPA Magnolia.
A actividade organízase en dous cuadrimestres, con renovación e pagamento independentes en cada un deles.
O próximo proceso de renovación e novas altas abrirase en xaneiro de 2027 para o segundo cuadrimestre. Avisaremos polas canles habituais da ANPA.
1º cuadrimestre · Curso 2026/27
O prazo de renovación e novas altas para o primeiro cuadrimestre xa rematou.
Neste momento non hai ningún proceso de inscrición aberto.
En xaneiro abrirase o proceso correspondente ao segundo cuadrimestre, que se desenvolve de febreiro a maio.
Primeiro tramitaranse as renovacións do alumnado que xa ten praza. Unha vez rematado ese proceso, poderán abrirse novas altas nas quendas nas que existan vacantes.
Cando se abra o prazo publicaremos aquí toda a información, formularios e datas e avisaremos polas canles habituais da ANPA.
Como funciona?
A natación organízase por cuadrimestres. A praza non se contrata nin se mantén automaticamente para todo o curso.
Antes de cada cuadrimestre ábrese primeiro un prazo de renovación para o alumnado que xa ten praza. Unha vez rematadas as renovacións, as prazas que queden libres poden ofrecerse mediante un período de novas altas.
O proceso de renovación e novas altas realízase habitualmente durante o mes de setembro.
En xaneiro ábrese un novo proceso: primeiro renovacións e, posteriormente, novas altas nas prazas que queden dispoñibles.
A praza non pasa automaticamente ao segundo cuadrimestre. Se non se realiza a renovación dentro do prazo indicado, a praza queda liberada e poderá ofrecerse a outra familia.
Cando son as clases?
Os cursiños realízanse na Piscina Municipal das Travesas, de luns a venres.
Cada alumno/a pode asistir a unha única sesión semanal, sempre no día e horario da praza que teña asignada.
Nas novas altas poderanse indicar as quendas ás que a familia realmente podería asistir e a súa orde de preferencia. A asignación dependerá das prazas dispoñibles en cada momento.
Canto custa?
34,80 € por alumno/a e cuadrimestre
O pagamento realízase mediante ingreso ou transferencia bancaria na conta da ANPA Magnolia, seguindo as indicacións facilitadas en cada proceso.
Se estás renovando
O pagamento forma parte da renovación e debe realizarse dentro do prazo indicado.
Se solicitas unha nova alta
Non pagues ao enviar a solicitude. O pagamento só se realiza cando a ANPA confirma que existe unha praza para o alumno/a.
Dous pagamentos ao ano
Cada cuadrimestre ten a súa propia renovación e o seu pagamento correspondente.
Quen pode participar?
- ✓ Alumnado con 3 anos cumpridos.
- ✓ Familias socias da ANPA Magnolia Vila Laura.
- ✓ Cada alumno/a pode participar nunha única sesión semanal.
- ✓ As novas altas están condicionadas á existencia dunha praza dispoñible.
Necesidades específicas de apoio
Se a crianza precisa algunha adaptación ou apoio específico para participar na actividade, é importante indicalo no formulario.
Nas renovacións procurarase manter a praza existente no mesmo día e horario. Os cambios ou novas solicitudes deberán comunicarse para poder valorar previamente a súa organización coa instalación.
Que pasará en xaneiro?
Antes de comezar o segundo cuadrimestre abrirase un novo prazo de renovación.
Se xa tes praza e queres continuar de febreiro a maio, terás que renovala dentro dese prazo e realizar o pagamento correspondente ao segundo cuadrimestre.
Se non se realiza a renovación dentro do prazo establecido, entenderase que non se continúa e a praza poderá ofrecerse a outra familia nas novas altas.
Unha vez pechadas as renovacións, poderase abrir un prazo de novas altas para as quendas nas que existan vacantes.
As datas concretas publicaranse nesta páxina e comunicaranse polas canles habituais da ANPA.
O segundo cuadrimestre vai de febreiro a maio. En xuño non hai actividade de natación.
Antes de ir á piscina
- ✓ Bañador, gorro de natación e chanclas de goma son obrigatorios.
- ✓ As gafas de natación son recomendables.
- ✓ É obrigatorio ducharse antes de entrar na piscina.
- ✓ Pódese acceder ao vestiario desde 15 minutos antes do comezo da actividade e deberá abandonarse nos 15 minutos posteriores á finalización.
- ✓ Os menores de 8 anos poden acceder ao vestiario cunha persoa acompañante.
- ✓ Á zona de baño só acceden o alumnado e o persoal autorizado.
- ✓ Non se permiten fotografías nin gravacións dentro da instalación.
Documentación
Se xa participabas
Nas renovacións non é necesario volver presentar a ficha oficial do alumno/a, salvo que a ANPA indique o contrario.
Se é unha nova alta
Unha vez confirmada a praza será necesario cubrir e asinar a ficha oficial do Programa Municipal de Natación Escolar.
Dúbidas frecuentes
A praza é para todo o curso?
Non. A actividade organízase en dous cuadrimestres. Para continuar no segundo é necesario renovar de novo a praza en xaneiro.
Que pasa se non renovo en xaneiro?
A praza queda liberada e poderá ofrecerse a outra familia nas novas altas.
Podo solicitar agora unha nova praza?
Non. O prazo correspondente ao primeiro cuadrimestre está pechado. En xaneiro abrirase o proceso para o segundo cuadrimestre e avisaremos polas canles habituais da ANPA.
Teño que pagar ao solicitar unha nova praza?
Non. Nas novas altas primeiro solicítase a praza. O pagamento só se realiza cando a ANPA confirma que a praza foi asignada.
Podo cambiar de horario?
Nas renovacións pódese solicitar un cambio. Solicitalo non implica perder a praza actual mentres se comproba se o cambio é posible.
Cantos días á semana hai natación?
Un. Cada alumno/a ten asignada unha única sesión semanal.
Podo escoller día e hora?
Nas novas altas poderás indicar as quendas ás que realmente podes asistir e a túa orde de preferencia. A asignación dependerá das prazas dispoñibles.
Hai natación en xuño?
Non. O segundo cuadrimestre remata en maio.
Quedouche algunha dúbida?
Se tes algunha dúbida sobre renovacións, novas altas, horarios ou documentación, escríbenos.
Escribir á ANPA