Comunicado importante da ANPA MAGNOLIA para as familias de VILALAURA: Falta de persoal docente para o próximo curso

Estimadas familias,

Dirixímonos a vos para informarvos dunha situación que nos preocupa profundamente e que afecta directamente á calidade da educación dos nosos fillos e fillas.

Como moitos sabedes, o pasado ano xubilouse a mestra Rosa. A súa praza, lamentablemente, non foi cuberta na asignación de persoal docente para este novo curso.

Esta situación é completamente ilegal. O catálogo da Consellería de Educación establece que debe haber un titor por cada aula e un profesor de apoio por cada tres aulas. A nosa escola, con 10 aulas, debería contar con 10 titores e 3 profesores de apoio. A praza que nos falta é, precisamente, a dun titor para unha clase de cuarto.

Ata o de agora, o noso director, Alberto, era un dos titores, pero para o vindeiro curso pasará a ser profesor de apoio xunto con Iria e Chus, para compaxinar mellor coas súas labores de dirección.

A dirección do centro estivo a facer xestións para reclamar esta praza. Falou coa Inspección de Educación e contactou cos sindicatos CCOO e ANPE para que a apoiasen. A pesar de todos os esforzos, a resolución definitiva de persoal, publicada o 1 de agosto, non incluíu a cobertura desta vacante.

A Inspección de Educación estará de vacacións ata o 25 de agosto. O día 26, tanto os sindicatos como a escola volverán a reclamar a praza. Sen embargo, é máis que probable que, no mellor dos casos, a nova mestra non sexa asignada ata o 1 de setembro. Isto significaría que se incorporaría, con sorte, o día 8, xusto co inicio das clases. Tería moi pouco tempo para coñecer o centro, as familias e os nenos, o que afectaría negativamente ao comezo dun curso tan importante.

Dende o ANPA, queremos que saibades que estamos co director nesta loita para reclamar o que nos corresponde por lei. Manterémosvos informados de calquera novidade e pedímosvos o voso apoio.

Atentamente,

A Xunta Directiva do ANPA Vilalaura

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio