Catro venres de mobilizacións. Unha mestra que segue faltando.
Reclamacións, reunións coa Xunta, declaracións públicas e unha intervención no Parlamento de Galicia. Contámosvos o que aconteceu e por que este venres volveremos concentrarnos.
Queridas familias:
Desde o inicio do curso levamos reclamando que a EEI Vila Laura recupere a terceira docente de apoio ordinario que figura na dotación do centro.
Xa presentamos reclamacións formais, mantivemos reunións coa Administración, trasladamos a situación aos medios de comunicación e saímos á rúa durante tres venres consecutivos.
Nos últimos días sucederon feitos especialmente preocupantes. Queremos explicárvolos con claridade, porque as familias merecemos coñecer as respostas que estamos recibindo.
Unha escola. Trece postos. Doce efectivos.
Vila Laura atende arredor de 180 crianzas de entre tres e seis anos, cunha importante diversidade de necesidades educativas.
Contamos con dez titoras e dous docentes de apoio ordinario. Reclamamos a terceira docente de apoio prevista na dotación do centro.
Que pasou desde a segunda cacerolada?
A segunda cacerolada
As familias volvemos mobilizarnos para reclamar a docente que falta.
O seguinte día hábil recibimos unha chamada da oficina da delegada territorial da Xunta para concertar unha reunión.
Reunión coa Xunta: «Sobran tres docentes»
Representantes da ANPA reunímonos coa delegada territorial da Xunta, co director territorial de Educación, César Pérez Ares, e co inspector do centro.
Durante a reunión, o director territorial afirmou que en Vila Laura sobraban tres docentes, contabilizando conxuntamente o apoio ordinario e os recursos especializados de PT e AL.
Tamén nos trasladou que non enviarían a docente número 13.
Desde a ANPA consideramos que o trato recibido foi pouco respectuoso. Percibimos un ton intimidatorio e expresións que interpretamos como advertencias veladas.
Terceira cacerolada e declaracións en Onda Cero
Celebramos a terceira mobilización consecutiva. Ese mesmo día, en Onda Cero, preguntaron á delegada territorial por que non se cumpría o catálogo docente de Vila Laura.
Na súa resposta, defendeu que no centro sobraban tres docentes, apoiándose nas explicacións recibidas de Inspección.
Fixemos públicas estas declaracións nos medios e nas redes sociais. Recibimos numerosas mostras de apoio doutros colectivos e comunidades educativas que comparten a nosa preocupación.
Vila Laura non está soa.
A Xunta volve visitar Vila Laura
A delegada territorial, o director territorial de Educación e o inspector do centro acudiron á escola no contexto dunha iniciativa piloto de vacinación escolar.
Chamounos a atención a presenza dos responsables educativos nunha visita de carácter sanitario.
Segundo a información que nos foi trasladada, durante a visita volveu expoñerse que incorporar a terceira docente de apoio ordinario podería supoñer a retirada dos recursos de PT e AL que a Administración considera excedentes.
Falamos de necesidades distintas, que deben ser atendidas con recursos adecuados.
Vila Laura chega ao Parlamento de Galicia
A deputada Carmela González, do BNG, preguntou directamente ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pola docente que falta na nosa escola.
Representantes da ANPA estivemos presentes no Parlamento durante a intervención.
O conselleiro volveu defender a suficiencia dos recursos docentes e non anunciou a incorporación da mestra que reclamamos.
Desde a ANPA consideramos inaceptable que se minimice a situación dun centro deste tamaño, cunha importante diversidade de necesidades educativas.
Non é só unha cuestión de números
A Administración insiste en que os recursos docentes son suficientes. Nós seguimos reclamando a cobertura do posto que falta na dotación ordinaria.
O que non podemos aceptar é que a atención ao alumnado con necesidades específicas se presente como un recurso do que se pode prescindir para resolver outras carencias.
Non queremos unha mestra a cambio de perder outras.
Queremos que se respecte a dotación ordinaria e que se garanta a atención á diversidade.
Falamos do funcionamento diario da escola, das condicións de traballo do profesorado e da atención que reciben as nosas fillas e fillos.
Este venres, a Xunta ten exame.
Despois de semanas de reclamacións e reunións, imos poñerlle á Consellería un exame de matemáticas.
Non queremos ensinar matemáticas á Xunta. Queremos que as nosas crianzas teñan mestras.
Converteremos a entrada da escola nunha aula improvisada. As familias faremos de profesoras e a Consellería será a alumna examinada.
Haberá un exame xigante, unha corrección pública, un boletín de notas cun suspenso e cartulinas vermellas cun cero.
DATA: venres 23 de outubro de 2026
HORA: 08:40 h
LUGAR: Porta Moreira · EEI Vila Laura
QUE TRAER: nada. A ANPA levará os materiais. Só precisamos a vosa presenza.
Seguimos porque importa.
Sabemos que levamos semanas pedindo tempo, participación e esforzo ás familias.
Prefeririamos estar organizando actividades e mellorando a vida da escola, en lugar de preparar protestas e reclamacións.
Pero non queremos que a falta de recursos se converta en algo normal.
Grazas a todas as persoas que participaron nas concentracións, presentaron reclamacións, difundiron as convocatorias ou nos trasladaron o seu apoio.
Este venres volveremos estar na Porta Moreira. Porque 12 non son 13. Porque a atención á diversidade non se negocia. E porque Vila Laura merece os recursos que lle corresponden.
Familias que suman · Xuntas en Vila Laura
ANPA Magnolia · EEI Vila Laura
