A NOSA REIVINDICACIÓN
NON TEN SIGLAS
Nas últimas semanas chegaron á ANPA algunhas opinións sobre unha posible “politización” da mobilización polos recursos humanos da EEI Vila Laura. Por iso queremos explicar, con absoluta transparencia, que fixemos, a quen nos diriximos e por que seguimos chamando a todas as portas.
A ANPA Magnolia non está ao servizo de ningún partido político. Está ao servizo das familias e da defensa da escola pública de Vila Laura.
Antes de falar de “politización”, estes son os feitos.
A reivindicación de Vila Laura non naceu coa chegada de ningún partido político, nin coa convocatoria dunha concentración, nin coa aparición do problema nos medios. Comezou cando comprobamos que o centro iniciaba o curso cun recurso docente de apoio menos e decidimos reclamar unha solución.
Comezamos a reclamar
A ANPA trasladou a situación á Administración educativa e iniciou o seguimento coa Dirección do centro, reclamando a recuperación do recurso docente que falta en Vila Laura.
Reclamación formal
A ANPA presentou unha reclamación formal ante a Administración educativa pola falta de recursos humanos.
Tamén facilitamos ás familias información para presentar reclamacións individuais. Numerosas familias sumáronse á reclamación.
Pedimos axuda tamén aos representantes políticos
A situación xa fora trasladada a representantes políticos. Entre eles, ao PP de Vigo, ao que se informou formalmente da problemática e se pediu axuda.
Nos días seguintes continuamos actualizando a situación e buscando interlocución.
Trasládanos que a docente virá
A Dirección da EEI Vila Laura mantivo unha reunión coa Inspección Educativa en Pontevedra.
Tras esa reunión trasladóusenos que a docente viría ao centro. Recibimos esa información con prudencia e esperamos.
Os días pasaron. A incorporación non se produciu.
Elevamos a reclamación
Ante a falta dunha solución efectiva, presentamos un escrito formal ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
A docente seguía sen incorporarse.
Nova reclamación ante Inspección Educativa
Presentamos un novo escrito solicitando explicacións sobre a situación e sobre o compromiso trasladado días antes.
Insistimos tamén na necesidade de preservar os recursos destinados á atención do alumnado con necesidades específicas e na nosa oposición a que PT e AL se convertan nunha solución para cubrir outras carencias de persoal.
Seguimos insistindo
As familias continuaron reclamando. A ANPA continuou realizando xestións. Contactamos coa Administración educativa, Inspección, Consellería, representantes políticos, organizacións sindicais e medios de comunicación.
Non deixamos de reclamar á Xunta. Nin un só momento.
A solución corresponde á Xunta de Galicia.
Queremos deixalo absolutamente claro: a competencia para dotar o centro dos recursos docentes necesarios corresponde á Administración educativa da Xunta de Galicia.
Por iso a nosa reclamación principal foi, é e seguirá sendo ante Educación.
Pero cando as reclamacións administrativas non conseguen resolver un problema, unha ANPA pode —e cremos que debe— buscar todos os apoios posibles para conseguir que sexa escoitado.
Non deixamos de reclamar á Xunta para reclamar a outros. Fixemos as dúas cousas.
Chamamos a todas as portas.
A ANPA Magnolia trasladou a situación aos tres grupos políticos con representación no Concello de Vigo. Fixémolo buscando interlocución tanto no ámbito local como no autonómico.
Non preguntamos a ninguén a quen vota. Non seleccionamos interlocutores pola súa ideoloxía. Non condicionamos a nosa reivindicación ás siglas de quen queira escoitala.
Fixemos o mesmo coas organizacións sindicais, contactando con diferentes sindicatos e especialmente coas súas áreas de Ensino.
A todos.
Por que nos reunimos con uns e non con outros?
O BNG respondeu á nosa petición, reuniuse coa ANPA e trasladou a situación ás institucións.
O PSOE levou a problemática dos recursos humanos educativos ao Pleno municipal.
O alcalde de Vigo escoitou a reivindicación das familias, manifestou publicamente o seu apoio e anunciou que acompañará a concentración.
Non é a ANPA quen decidiu quen aparece ao noso lado. Cada organización decidiu se quería responder á nosa petición, apoiar a reivindicación ou gardar silencio.
Se mañá nos chama o PP, iremos.
Se nos chama a Consellería de Educación, iremos.
Se nos recibe o conselleiro, iremos.
Se Inspección Educativa quere sentarse coa ANPA e buscar unha solución, estaremos alí.
Non pechamos ningunha porta. Estamos chamando a todas.
Que unhas portas se abran e outras permanezan pechadas non converte a nosa reivindicación en partidista.
Demostra, precisamente, que chamamos a todas.
A concentración é das familias.
Que un representante político decida apoiar publicamente unha reivindicación non converte esa reivindicación no seu acto.
A mobilización de Vila Laura nace das familias.
Quen queira apoiar unha reivindicación xusta será benvido. Pero ninguén se apropia dela por acompañarnos.
Porque o motivo polo que estamos alí non cambia dependendo de quen estea ao noso lado.
Estamos alí porque Vila Laura necesita recuperar o recurso docente que lle falta.
Nada máis. E nada menos.
Non buscamos siglas.
Buscamos solucións.
Dentro da nosa ANPA hai familias que pensan diferente, que votan diferente e que teñen sensibilidades políticas diferentes. E así debe ser.
O que nos une é Vila Laura e as nosas crianzas.
Non imos valorar unha resposta segundo as siglas de quen a dea. Valoraremos se axuda ou non a resolver o problema.
E non imos deixar de reclamar á Administración responsable porque outras institucións, organizacións ou representantes políticos decidan apoiarnos.
Reclamar a quen ten a responsabilidade e pedir axuda a quen poida contribuír a que esa reclamación sexa escoitada son dúas cousas perfectamente compatibles.
Se mañá nos chama a Xunta, iremos.
Iremos mañá. Iremos pasado. Iremos as veces que faga falta.
Queremos unha solución.
Levamos semanas presentando escritos, falando con Educación, acudindo a Inspección, mobilizando ás familias, buscando apoios, falando cos sindicatos e cos medios, no Concello, no Parlamento e na rúa.
Non sabemos cal será a porta que finalmente permita desbloquear esta situación.
Por iso non imos deixar ningunha sen chamar.
